tramway-handles_boris-ignatovich-web

 

Jonathan Franzen apuntaba nunha conferencia sobre ficción autobiográfica algunhas preguntas de plantilla que debe contestar todo escritor. A charla, que se recolle en Más Afuera (Salamandra), comeza polas cuestións das influencias. Como resulta connatural á condición do principiante, calquera autor resolve a desorientación sobre o itinerario a seguir collendo un mapa vello e fiable, o trazado pola obra dun devanceiro. Co tempo, acaba apoiándose no escrito por ducias deles e soando único, singular e mesmo estrano, coma o Kafka que Franzen recoñece como pai da súa patria literaria. A seguinte cuestión que se lle impele a responder aos escritores é a das rutinas de traballo, dándose por suposto un encanto bohemio e nocturno a un oficio que esixe equiparable disciplina e semellante mecanicismo a calquera outro creado a partires dun baleiro branco. O seguinte tópico é o do control sobre os personaxes. Abundan os escritores que afirman que eles deciden o seu destino. O problema non é que se busque o engado con esa aseveración, torpemente falsa; senón que hai lectores que se deixan fascinar. Jonathan Franzen cita a Nabokov cando apuntaba con retranca cruel que el non permitía "escapar á India, como fai E. M. Forster" aos seus seres imaxinados, senón que os "poñía traballar coma galeotes". A última pregunta do Grand Slam é se a obra é autobiográfica. O autor recoñece o seu desconcerto: "Se quixese escribir unha obra autobiográfica non escribiría unha novela". Canso de dar explicacións, tira de ironía para contestar como Elisabeth Robinson: "A miña novela é autobiográfica nun 17 por cento".

 Photo: Tramway handless (1930). Boris Ignatovich