JAZZ

 

Once alumnos da Fundación TIC viñeron para que lles falase sobre o Clavicémbalo esta mañá. Empezaban a gravar un documental sobre o cernudo club para cultura en directo de Lugo. O seu propietario, Alberto Grandío, é amigo meu. Admiro fondamente a súa constancia na programación de actuacións de concertos, representacións e entremeses. Todos os anos coñezo músicas suxerentes grazas a el, tanto polo seu local como polo Festival de Jazz que argalla con José Luis Díaz. Aínda non sei como dan feito para traer os grandes do mundo a unha cidade pequena cun presuposto aínda máis cativo. O curioso é que son cliente colateral do Clavicémbalo. Estaría dentro dúas ou tres veces nos vinte anos que pasaron dende que me asentei en Lugo. A miña cadencia vital agradaría a Calvino: détome ás once e boto o lecer coa familia, soamente me falta a fe para rezar. Esas rutinas, que coido con agarimo polas certezas que me achegan, distráenme de trasnoitar e, por mor diso, de visitar o Clavicémbalo.

Photo: Orchestra National de Jazz. Annabelle Tiaffay