SOPRANO

Os sobres non viaxan de man en man como antaño. Hai preocupación na industria papeleira. Acordei de Los Soprano: licencias para construír, adxucacións de obras públicas, contratos para xestionar o lixo,... nada escapaba ás argalladas da familia Soprano. Bárcenas paréceme cuspidiño a Tony Sirico. Fantasei cunha película protagonizada por Sirico. Nunha escena, escacharía da risa cuns banqueiros suízos. Noutra, veríamolo argallando cunha calculadora: a este chégalle, que me cae gordo; a estoutro voulle meter máis que ten o fillo en Princeton. Despois, quitaría a lingua ceremoniosamente para ir lambendo con misericordia cada lapela engomada que garantía o seu poder.