Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
14 mars 2013

UNHA ACADEMIA CON DOUS TACÓNS

IMG_00021

 

A noite foi longa porque as noticias da tarde sucedéronse na intriga. Asistimos a dúas construcións de mitos, unha en Roma e outra en Santiago, polo que regresei asunto mirando na cama unha película que describe a evolución do asunto: Más dura será la caída. O xornalista experto en boxeo Eddie Willis (Humpfrey Bogart) acepta esquivar a miseria a cambio de crear un ídolo con Toro Moreno, un púxil grande física e moralmente, pero incapaz de xestionar a súa carreira. Horas antes asistiramos ás liturxias medidas da presentación do papa Francisco I e de dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín. Por unha cuestión de fe e cultura, estiven máis atento á segunda. Ferrín soubo revestir o seu cese de dramaturxia, aínda que vino sobreactuado, coma esas películas nas que Bogart non deixa de darse tironciños no lóbulo da orella dereita para deixarnos claro o gran actor que foi. Marcha despois de varios anos de armar a Real Academia Galega coma unha caixa de cristal que os seus seguidores mirabamos coma unha urna opaca situada varios metros por riba de nós, sentíndonos coma eses "tebregosos homes da vila, no crepúsculo, que mesmamente enchen a rúa estreita e prolongada coma se foran unha coluna de formigas en marcha". Na despedida, o presidente pasou por riba dos xornalistas, sen rexeitar a intuición de que precisa deles, para dirixirse "ao pobo" e advertirlle "do perigo" no que está a institución. Como concepto abstracto, a palabra pobo pode ter o seu engado para un marxista, pero debería ir asumindo que o pobo preocupado polo futuro da Academia poder contabilizarse, sen recorrer a unha enquisa do CIS, non alén as cinco mil persoas. Todas elas abondamente lidas como para mobilizárense por proclamas. Aínda máis desafortunado estivo a advertencia sobre a situación crepuscular da entidade. Se deu sobrevivido 103 anos de escasezas económicas e gobernos  de tábula rasa en Madrid sen Ferrín na máxima responsabilidade, ben pode tirar un tempiño máis cun orzamento de 861.000 euros e uns gobernos cun razoable grao de independencia e de tintes máis ou menos galeguistas en Santiago. Segundo denunciaba onte o dimitente, hai "forzas internas e externas" traballando en conspiración e concordancia para que desapareza a RAG. Cando escoitei o despropósito pensei loguiño nos colaboradores que o intentaron converter en Toro Moreno, pero faise evidente que eses non eran os que sinalaba. Daquela, apuntaba talvez aos que lle pediron contas polo nepotismo e o embafado das contas. Nada censurable ten a reclamación; máis ben ao contrario, se consideramos que eles, con todos nós, achegan impostos para a financión da RAG. A maiores, non atopo nada de censurable que sintan unha ambición, equiparable á que sentiu Ferrín, de presidir a entidade. Ben sei que a vocación de humilitas que nos inculcou o catolicismo censura esta arela como pecaminosa, pero deberiamos superala. Unha vez se boten do terreo escénico e regresen á sensatez que debe regulalos, cómpre que os académicos reestablezan os equilibrios de poder e busquen un candidato que conte cando menos coa leve anuencia de 28 membros de número que agora son e entre os que gustaría de que continuase o presidente cesante. Non deberían desbotar manterse nese plano elevado e simbólico no que Ferrín situou a RAG elexindo unha presidenta. Sería un recoñecemento da importancia feminina no noso ámbito do saber.

Photo: Gene Tunney, boxer.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 416
Publicité