ARCEA LISTA PASO A PASO
José, que ten como alumna unha filla no mesmo colexio ca os meus cativos presentoume hai un par de semanas un suxerente dilema sobre o escabechado. Xa fóra do adrio escolar, prendimos a falar sobre gastronomía, que entre descoñecidos ten unha prestancia ben maior ca falar sobre o clima. José citoume a arcea como motivo de orgullo no panorama da súa actividade cinexética, indicábame o seu costume de escabechala para, logo, confesarme o seu reparo sobre ese apagón dos sabores que provoca esa prebe tan potente. Cumprimentado José, xa na casa, dei en ler en Fome de París (Eidadouro), a indignación do xornalista norteamericano Abott Joseph Liebling a respecto dos viños rosados. Citaba a afirmación do escritor Frank Schoonmaker quen apuntaba que os viños brancos axéitanse ben «a uns alimentos; o tinto, a outros; mentres que o rosado combina con todos e pode ser servido sen reparo polo anfitrión inexperto». Esa omnimaridaxe amolaba a Liebling, quen só a aceptaba con xoubas asadas. O xornalista norteamericano propón o rosado por exclusión. «Non serviría un viño de boa calidade, de calquera cor, con sardiñas, pois estas deixarían o viño con sabor a sardiña». Na súa apreciación, sería «mellor cervexa, ou, na falta desta, un rosado». (Para seguir lendo)