MADRID NUNCA DISPARA AO AIRE
Pachi Vázquez lanzou unha zaranda hai tempo. "Feijoo e o narcotráfico andan aí, aí". Eu tomeino por manobra distractora de campaña electoral, pero emisor e receptor comprenderon o transfondo da mensaxe. As fotos de Marcial Dorado con Feijoo a bordo que se publicaron hoxe reconducíronme a Jacinto Rey con Anxo Quintana a bordo. As carreiras políticas en Galicia empezan a parecerse por comezaren con prestixio ético e remataren na cuberta dun iate cumprido de eslora. Con todo, as actividades de ambos os patróns son incomparables. De feito, nunca entendín as mexericadas de tantos nacionalistas de esquerdas que preferiron ceder o poder a unha dereita de galeguismo difuso antes ca votar polo vicepresidente que trataba cun axente do pandemonio empresarial. Aceptarían con naturalidade que Quintana apañase percebes canda Suso Lista no Roncudo, pero non que comparta o lecer cun construtor. O esencialismo atoa toda alternativa de goberno centrada no país dende a alba de gloria autonómica. Tanto Quintana coma Feijoo, políticos ambiciosos comme il faut, deixáronse enfeitizar polas plataformas, resortes e trapelas para ascender que agochan as embarcacións dos ricos. Véxoos coma dúas figuras que avanzaron nas súas carreiras veloces e irreprochables poñendo atención en evitar pisar no lameiro da avaricia. Ambos os dous estragaron os currículos cando relaxaron a alerta porque gozaban de lecer e por pecados alleos. Percibo como probable que a Feijoo se lle acepten dentro de Galicia as explicacións a respecto do seu grao nulo de coñecemento das actividades de Dorado, porque as grandes masas sociais deste país son dadas a pechar modelos de boa conduta sen fendas, iso que chamamos riquiño. Mais en Madrid os lobos ouvean con furia. Os territorios de xestión son amplos e abundantes en recursos; as loitas entre candidatos, cruentas, e a prensa nunca dispara ao aire. Vou deitarme reflexionando sobre un tweet estarrecedor de Fidel Fernán: "Chegará a dar medo ser decente?"
Foto: Porfirio Rubirosa e Zsa Zsa Gabor.