allulli_13-copiax

E sigo sen explicarme o motivo da puñada sobre o escano de Feijoo. Aínda menos a indignación. Que decurso parlamentario agardaba Beiras? Aprendeu a xestión dos espazos e tempos dramáticos coas traducións do teatro francés dos 60, pero veuse sorprendido cando se lle volveu a pratea. Non se pode estar cuspindo alcatrán e aspirar a marchar co traxe branco. Certo que agardo outra disposición do presidente do Goberno, que lle pido unha contención que nunca ofrece. Feijoo está errando ao comportarse como Xano, simultaneando solemnidade institucional e aguilloada parlamentaria. Innegablemente, precisa  dunha resposta rápida e ácida a Beiras porque o protagonismo do voceiro de AGE medra a cada sesión, pero debe descargar esa xeira noutro representante do seu partido. O problema do grupo parlamentario popular é que ningún do seus 41 compoñentes dispón da intelixencia, a viveza e o percorrido intelectual de Beiras. O pasamento de Fraga afectou tamén a iso, soamente el lle daba réplicas da mesma altura. Asumido ese desequilibrio no noso corpo político, lembrarei a Cósimo de Medici cando nos advertía de que "os homes non poden conservar o poder a base de paternosters". Eu xa renuncio a reclamar do presidente que nos aclare que idea se fixo daquel mariñeiro que tiraba ouro do cofre, nin sequera se notou algún latido intuitivo que lle dese forzas para non atenderlle ao móbil; asumo que o lider de AGE nunca analizará o fondo dos asuntos porque lle reina o balbordo convenientemente dramatizado. Soamente prego porque os nosos políticos solventen as súas rifas distractivas fóra do Hórreo e que restitúan á Cámara o seu sentido de ámbito no que trazar un bocexo do que debería ser este país. Entre mentres, dado o nivel de elaboración, as sesións parlamentarias galegas deberían aspirar a ser declaradas patriminonio inmaterial da humanidade pola Unesco.

Foto: Marcello Allulli a Pescara. Fiorenza Gherardi