MULLERES FUME

Unha miña cuñada asegura que lle cadrou coa princesa española nun concerto dos Eels en Madrid. Ese gusto atinado marcou unha pequena viraxe no meu xuizo chumbo sobre a súa indomable ambición. Hai alguén nesa urbanización pacega do que cómpre agardar acenos elegantes. O problema radical é que a monarquía borbónica estivo certa de que a condición hereditaria era un gadget omnivalente e omnixustificante. A aristocracia non ten que ver co rizoma humano, senón máis ben cun instinto de recoñecer o modo correcto de actuar en cada dilema da vida. En Vera, señora de Nabokov (Alianza Editorial), de Stacy Schiff, atopo ese cerne nobre que non precisa árbore xenealóxica. Finado Vladimir Nabokov, Vera continuou vivindo nas seis habitacións do Montreux Palace que ocupara 17 anos antes co seu home. Pasado un tempo, abriu unha carta educadísima da dirección na que lle explicaba a necesidade de reformas e lle pedía que accedese a mudarse a outra zona do establecemento, sendo o personal quen se ocuparía do traslado dos seus mobles e obxectos, incluído o cuarto no que habitaban soamente libros. Ao día seguinte, ben cedo, a señora Nabokov cruzou a redacción por vez derradeira.