normandie

Soamente hai unha cousa que me intranquilice máis ca un control nocturno da Garda Civil: unha ópera de Wagner. Cada vez que poño unha composición súa no Spotify sento que se me bota enriba un tsunami imperativo e fico paralizado. Ese dramatismo trascendente cáusame desacougo, asfixiame tal nulo grao de ironía. Como o músico Leipzig anda de bicentenario, dáse moito a ler. Muñoz Molina relatoumos aí atrás que a paixón do Proust polo alemán eran tan desaforada que, unha vez encamado, se deleitaba na escoita do teatrófono; un enxeño que lle permitía escoitar as representacións vía telefónica dende a casa. Un servizo caro que pagaba aínda no inverno sen carbón para a calefacción e deambulando pola casa entre velas por temor as bombas que deixaban caer os zeppelin postprusianos centos de metros arriba. Tamén o escritor parisino anda de centenario, pois Polo camiño de Swan —do pouco Proust en galego– apareceu en 1913. Proust pagouno do seu peto. Niso, nada aprendeu do admirado Wagner. Unha descendente de Schott o seu editor lembra que o compositor acudiu onda o seu antergo co conto de que o adianto que lle dera para escribir O ouro do Rihn caera nas augas do río así chamado, polo que lle esixía un novo pago. Iso si, tempo máis tarde, tras dar por imposible a montaxe de Tristán e Isolda no 72º ensaio, Schott negouse a adiantar máis nada.

Photo: French liner SS Normandie after she caught fire and capsized. Pier 88. NYC. 1942