izis-bidermanas1911-1980-1362322539_b

 

Malú e Pablo Alborán definen sinteticamente a noción de fin da Historia, que formulara Alexander Kojève, ao cantaren que o amor pode parar o tempo en Vuelvo a verte. Como se fai evidente, o amor non para o tempo de xeito obxectivo, senón que os namorados senten que os reloxos non marcan as horas cando están de par. Incapaz de percibilo, Feijoo pide "relato" a Rajoy. O presidente do Goberno español non ten relato, non porque os seus asesores de comunicación ignoren o storytelling  de Obama, senón porque fracasaron na campaña do 2008 coa "niña de Rajoy" e porque perciben que xa non o precisa. O relato require unha vontade de prolongación temporal, pero Rajoy carece desa ambición. Sendo de Pontevedra un pode aspirar a ser presidente de España -concebida como destino no universal e definitivo-, tourear na feira da Peregrina ou liderar a UPG. A aspiración non pode ser outra. Feijoo tamén ten un risco identitario pontevedrés porque predica o seu relato en platós e emisoras de Madrid unha e outra vez coa paisaxe limitada de La Moncloa. Como se Europa fose outro continente. Rajoy sabe que non vai ser reelixido, que amañar unha crise implica afundirse con ela, polo que se está limitando a vivir no cabo do seu período político deixándose levar polo torrente das directrices europeas, permitindo que as decisións lle veñan adoptadas coa comodidade de ter, por toda molestia, que reiterar que a solución adoptada é a solución ao estarmos na Fin da Historia. Neste caso, cadran biografía política e teoría de goberno. Kojève, o inventor do concepto co que levaría Francis Fukujama a fama, asistiría divertido a esta resignación tan parva e tan estendida que asume que hai problemas tan inauditos que soamente teñen unha solución.

Photo: Izis Bidermanas