THELONIUS RECOLLEU COLIFLOR NA VIÑA LEIRIÑA
Soamente a queixume dorida de Gadafi, o meu gato vello e amigo dende hai 18 anos, fenda a utopía esférica sobre o que pretendo que sexa a miña vida ata o remate. Unha mañá de lecer, co sol soando enfurecido. O Monk in Tokio de Thelonius brillando a eito no Spotfy. Un Viña Leiriña 2012, que me remite a un vivo champagne sen pulmóns, na copa. Sobre a vitrocerámica potas nas que se cocen as coliflor e as cenouras, as acelgas e as espinacas que merquei sensatamente cedeiro no mercado de Lugo, onde chegan dende as hortas da civitas e son entradas perfumando a porta de San Fernando. En trances coma este séntese un cheo da certidume de que pode decidir o conxunto do seu porvir coma se fose un bloque compacto e inmutable que dependese unicamente do seu capricho.
Photo: James Williams