UNHA TERTULIA FRÍVOLA NA SORBONA
Un descoñecido remíteme o Informe Guixan Seixas, de nome correcto Dossier sobre as simpatias do nazismo internacional com Beiras e BNG por terem-se negado a condenar o Holocausto. O ódio é um espelho. Vai para un mes que se publicou, pero non me informei sobre esta análise que escribiu João Guixan Seixas ata que alguén tivo a deferencia de chamar a miña atención sobre ela. Decidín ler o informe, sobre todo, pola miña preocupación polo ascenso do irracionalismo político en Europa; aínda que tamén polo respecto que invoca en min as moitas horas de indagación que o autor dedicou para redactar eses corenta folios. O problema é que Guixan tropeza na mesma tese que denuncia: equiparar a percepción que Xosé Manuel Beiras (e tanxecial e ocasionalmente, Francisco Jorquera) poida ter de Israel como entidade política coa dos racistas da ultradereita institiva de Occidente pasando polo antisemitismo árabe liderado por Mahmud Ahmadineyad é mesturar allos con bugallos. Non se pode criticar a AGE e BNG por rexeitaren condear o Holocausto no Parlamento e asemade argumentar mesturando o esquerdismo vintage de La Sorbonne dos galegos, o populismo filonazi dos franceses e americanos, e a rivalidade xeopolítica dos iranianos. O problema do acontecido no Parlamento xa o definiu Hannah Arendt cando expoñía "a banalidade do mal"; habería que mudala, no caso dos nosos representantes, nunha frivolidade ideolóxica ao identificar ás vítimas do Holocausto con Israel; imperdoable, si, pero non criminal.