Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
8 juin 2013

RISAS SOBRE AS MAZAIRAS

20111113_Ibergeregg_Leica_0026-Edit-3-Edit

Todo o  que lle interesaba á miña avoa materna eran as treboadas no pazo de Buckingham e a novela negra; británica, a poder ser. De feito, casou cun home delgado, elegante e de ollos claros; cuspidiño en James Stewart. Acertou coas tres cuñadas, que semellaban tres versións clonadas de Agatha Christie. Eu descubrín á autora inglesa na casa da miña avoa. Botaba o Nadal en Bilbao pegado á súa biblioteca persoal: Conan Doyle, Patricia Highsmith, Dassiel Hammet,... Nos veráns, ela pasaba uns meses onda nós en Ribadeo. Daquela fuchicaba na bilioteca do seu neto adolescente. Unha tarde, descubrina horrorizada no xardín. Confesoume que parara de ler o meu exemplar de Malcom, de James Purdy, un autor norteamericano tan rabudo coma talentoso. A homosexualidade desenvolta no libro é explícita e torturada. Reparei en que aquela non era lectura para unha anciá donostiarra filoxesuíta e peneuvista. Debería ter agochado o volume no caixón no que reservaba os meus primeiros contos e máis un diario a salvo das burlas dos meus irmáns. «Esa escea do feto é repugnante. O resto ten un pase, pero esa escea...», comentoume Aurora Zaldibar ben pasados os 70 anos, para a miña sorpresa. O sexo salvaxe entre homes non a impresionara, pero si unha descrición dunha clínica abortista. Malia ser consciente de que Aurora nacera sen o xen da retranca, tratei de reparar o descuído ofrecéndolle Wilt, de Tom Sharpe, aínda finado o xoves. A miña avoa sentou ler no xardín. As gargalladas voaban por riba das mazairas. De novo, parou de ler. A risa provocáballe ataques de asma.

Photo: http://meckimac.com/about-me/

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 429
Publicité