shanghai

 

Alberto Grandío ten un costume imitable: ler autores dos países que visita. A súa descuberta en Bulgaria foi Angel Wagenstein. Unha descuberta dobre. Lejos de Toledo (Libros del Asteroide) de Wagenstein remite ao seu país, pero escribiu outro sobre un asunto fascinante. Adiós Shanghai (Libros del Asteroide) fala sobre Hongkou, un barrio da cidade chinesa que nos 30 e 40 era "un lugar de encontro do mundo do hampa, no que se mesturaban aventureiros internacionais, espías e especuladores, homes desarraigados e perseguidos, con afeccionados ás sensacións fortes e aos cartos fáciles". Ese ámbito no que ambienta a súa historia estaba acomodado en capas de dominación sobre dominación, de luxo occidental na tona e ratas e tifus chineses no fondo lamacento. O escritor agradece con esa novela a acollida a 20.000 xudeos alemáns e austríacos, "intelectuais na maioría", e outros 3.800 doutras procedencias que evitaron seren cremados grazas a esa zona franca. Con todo, non esquece dos xudeos bagdadís, asentados en Hongkou dende a Ruta da Seda, que garantían un tráfico fluído de estaño, caucho e quinina cara ao Terceiro Reich. Os alemáns non lles poñían chata, pero "os bagdadís, propietarios da Shanghai Banking Corporation, do Yokohama Specie Bank ou da Sasoon House, tampouco tiñan nada en contra do correcto socio alemán".