william_s_burroughs

Os que escribimos novelas sabemos que o número de exemplares vendidos é proporcional á cantidade de persoas reais que figuren no texto. Canto máis datos identificativos achegues, maior será o éxito. Afonso Eiré, un chantadino sobrado de intuición para concitar o interese, vén de aplicar ese principio na súa obra ‘Infiltrados’. No libro, defende a espectacular teoría de que a evolución do nacionalismo galego estivo condicionada polos servizos secretos españois. Poida que haxa algún personaxe aludido e asemade irritado, pero está vendendo a esgalla e provocando a envexa dos que competimos con el nas librarías. O malo de atribuír feitos históricos a cidadáns contemporáneos é que o paso do tempo acaba afastando aos lectores do seu coñecemento e a novela perde atractivo. Pero, para o subidón inmediato, serve. Seica tamén para o efecto contario de prolongar procesos xudiciais. Hai unha película, ‘Sospeitosos habituais’, na que un detido confesa o delicto sen precisar de presión policial ningunha nun relato fluído co DNI dos cómplices. O guión non debería sorprender en Lugo, onde hai quen arma un relato de corrupción relacionando nomes e feitos que ás veces semellan ensoñacións. Na película de Bryan Singer, o malvado artella a confesión usando os nomes dos sospeitosos habituais que descubre no despacho no que o interrogan. Na realidade lucense, agardemos ás sentenzas.

Photo: William S. Burroughs