Coming to America, circa 1951 louis stettner

Xosé Lois García e máis eu sentamos nunha mesa do Cantón o pasado venres. Alguén debeu de tomar o nome por chinés e renomouna Praza de España, unha demoninación franquista reparada coa castelanísima de Praza Maior. Ben, estaba sentado nunha terraza do Cantón co poeta para falarmos de Remitencias, o libro de versos e imaxes que vén de adicar ao exilio das beiras do Miño que asolagou o encoro de Belesar. Empecei a sentir leves empurróns e carraspeos dunhas señoras ben nutridas, ben idosas e ben maquilladas, ornamentadas en moitos ouros. Sentar na mesa contigua requírelles un operístico desembarco de Normandía. Teño a sensación de amolalas. Elas son anciás, polo que superpoño a súa torpeza á miña comodidade. Pregunto para desculparme se é preciso. "No, no se preocupe, que esperamos a que acaben y ya nos cambiamos a su mesa". Desconcertados, Xosé Lois e máis eu, erguémonos e marchamos.

Photo: Coming to New York (Circa 1961). Louis Stettner