apollo

 

 

O planetario permitiume reencontrarme cunha amiga de vello. A Casa das Ciencias da Coruña reina no parque de Santa Margarida, un espazo vintage da miña infancia. Dentro, no máis alto do edificio, unha planetarista foi presentándonos Unha noite de verán. Era unha sesión iniciática na que volvín contemplala con gozo: A Osa Maior, a constelación favorita do meu pai. Cada vez que volvíamos a casa demasiado tarde dende Foz a Ribadeo nunha noite de verán erguía unha man do volante do 850 branco para sinalar o ceo marcando o aceno. Mandaba aos seus cativos de asomar polas ventás cara ao norte. Amoreabamanos contra a porta traseira dereita. O meu pai falaba con voz fonda de taumaturgo: "Se contades cinco veces a distancia do extremo dereito do Carro cara arriba veredes a Estrela Polar!" Na sesión do planetario, acompañoume o meu fillo, incesante cuestionador sobre o Big Bang e os buratos, sobre a materia e a antimateria. Antón ten sete anos. Aos tres morreulle o avó. "Aitxitxe está nunha estrela", comentei buscando entre a dor o argumento máis contrastado. Unha noite, leveino ao monte de Santa Cruz para amosarlle a estrela de repouso do avó,unha especie de residencia de anciáns galáctica. Ás veces guiábase pola Osa Maior para procurar o astro. Esa fe leve marchoulle ao pouco pero agora cala. Intúe que a pregunta non se me fai agradable. A Osa Maior xa non brilla para el coa maxia co que aínda brilla para min. Rematada a sesión, preguntou á experta por algo relacionado coa Superlúa, como a que o fascinou na pasada Noite de San Xoán. Despois, pediume silencio "para escoitar esta música tan bonita" que soaba contra a bóveda celeste.