O salón estaba cheo de mobles barrocos e periodistas. Os mobles barrocos sempre os compran as persoas que subiron estratos sociais por identificaren as molduras e os dourados con riqueza. Son as curvas que superaron e os brillos que seguiron no camiño da prosperidade. Non sei a que presidente provincial atribuír a decoración da sede da Deputación de Lugo. A rolda de prensa sería dirixida por Francisco Cacharro e el fora mellorando dende a pintura de brocha gorda á pintura de autor, pero non me pareceu unha persoa necesitada de exhibir a capacidade adquisitiva. A convidada era Rosalía Mera, que había de anunciar uns proxectos musicais cos que dar unha saída digna a unha fortuna con orixe na costura de roupa allea por encarga. A muller máis rica de España. Os xornalistas somos pouco impresionables polos cargos e as dignidades porque temos contacto diario con todos os banzos da escada social. Pero ese día agardabamos ver entrar na sala unha señora nimbada cunha aura. E non. Rosalía Mera sentou, un tanto corcovada, e reparei na súa cara, protagonizada polas bandas paralelas das lentes e a boca. Falou cunha normalidade tan cotiá que me sorprendeu. A muller máis rica de España, en sensatez.
Photo: Inside Big Ben (London, 1920)