Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
20 août 2013

ACARICIADE O DETALLE

mauritania 1920

Un curmán da muller, arquitecto, tenme comentado nalgunha oportunidade as limitacións que constrinxen o seu traballo creativo (dimensións e forma do solar, orzamento, gusto do cliente, función do edificio,...) coma se o seu oficio se afastase doutros que non están sometidos a límites físicos. Luís Rei Núñez enumera no relato de apertura Días que non foron (Xerais) os moldes nos que un xornalista debe colocar a súa información. O seu personaxe, un empregado público, comenta o traballo dos colegas entre a crítica e a condescendencia. Vai paseando pola tramoia cunha ollada que pode suxerir a que non sexa xornalista. A narración regresa sobre un dos dous temas máis manidos da literatura galega. Non se ocupa da Guerra Civil, afortunadamente; senón de algo que viviu, A Marea Negra. Avanza sobre ese campo escuro que nos amosaron unha e outra vez. Así contemplado, resulta adormentador volver ler a torpeza, a hipocrisía e a nugalla políticas en contraste coa entrega dos voluntarios e o desespero dos mariñeiros. Non porque carezan de interese, senón porque acabaron sendo O conto da boa pipa dada a cantidade de veces (unhas con boa fe do escritor, outras con intención de sementar unha boa imaxe) que nolo puxeron en negro sobre branco. Queres que cho conte outra vez? Non, grazas; seino de memoria. No entanto, hai algo que salva ese relato en conxunto. "Acariciade o detalle! O divino detalle!", que recomendaba Nabokov aos alumnos segundo leo ao sempre interesante Juan Tallón. Ben, pois o conto reiterativo sobre A Marea Negra de Rei Núñez salta ata o maxistral nos sete ou oito parágrafos nos que describe a Rajoy, Fraga, Aznar, Fernández de Mesa, Pachi Vázquez,... A súa marea negra non salva nin o primeiro deles. Rei Núñez escribe sen perdón, con talento.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 427
Publicité