mastrioani

Martin Pawley deixou de seguirme en Twitter. Nada ten de extraordinario porque, cada día, hai varias persoas que me dan de baixa na súa columna de entrada. Nunca me informan dos motivos nin eu me tomei o traballo de preguntarllelos. Máis ca nada porque non cuestiono a ninguén pola razón que o anima a incribirse no meu TL. Cando se borran, dou por suposto que devín en serlles túzaro, que a miña pedantería acabou resultándolles cansante, que aborreceron do meu sentido do humor, que discrepan fondamente do meu ideario políticosocial ou que os enverva a vulgaridade dalgúns vídeos que colgo. Como Martin Pawley é un home intelixente, imaxino que deseguiume por algunha desas razóns. Ese feo non vai alén do coutadamente persoal porque cada quen administra como lle peta os seus caudais de información e divertimento. O feito que me resultou torpe é que nos fixese partícipes (a min e aos seguidores) do motivo polo que interrompía a nosa relación virtual (confío que a persoal continúe sendo). Había unha foto de Life na que se ve Audrey Hepburn nunha película e eu retuiteeina anotando que me parecía "un rapaz asexuado".