PORTEIROS E BEDEIS
A volta ao asentamento lucense é a volta á Biblioteca Provincial. Esta mañá un home vestido cunha camiseta vermella coa inscrición España en amarelo, berraba termando de catro libros grosos baixo o brazo. Entendo que eran para lelos el, pero o tópico facíame desconfiar. Gritaba ao azorado bibliotecario e discreto amigo a súa apreciación sobre a actividade profesional do porteiro de fútbol Diego López en perxuicio da do seu colega Iker Casillas. O asunto non debe de ser menor porque a semana pasada vin o principio e o remate dun programa no que cinco xornalistas discutían a gorxa inchada sobre o tema. Ao cabo, mentres pedía permiso a unha máquina para retirar libros e películas, informeime de que o home da camiseta vermella era un detractor da empresa de López e Casillas. "O que debíamos os do Barça era fichar a Casillas, que é un símbolo do madridismo, para darlles na cabeza", remachou.
Photo: Everton goalkeeper Dai Davies dejected after conceding a goal against Liverpool