936full-hunter-s

Se vostede está lendo esta entrada poida que agarde de min argumentos de refresco para defender a súa opinión inmutable na barra de bar de cabeceira ou que confíe en que o sorprenda. Desboto que busque neste artigo, como noutros, que lle dea a razón. Non porque vostede non a leve, senón porque as miñas convicións son cada vez máis escasas, egoístas e variables. Eu eludo ler textos opinativos que me fan mover a cabeza de arriba a abaixo. Temo que me descubran coma un can de peluche que axita o queixo en vertical na bandexa traseira dun coche. O único que pido aos columnistas é que me deslumbren. A cambio, pagando un prezo elevado para min, son quen de ler crónicas de fútbol. Os textos deportivos non me atraen porque padezo o mesmo que cos libretos de instrucións das lavadoras: cando chego ao remate son incapaz de lembrar como comezaban. Por iso non leo sobre fútbol, leo a Eduardo Rodrigálvarez ou Manuel Jabois escribindo sobre fútbol. Mesmo podo xogarme os meus difusos principios éticos buscando en internet as crónicas taurinas que cosía en filigrana Joaquín Vidal. Atrévome, xa no extremo, con firmas tan antagónicas ao meu pensamento político como Sánchez Dragó ou Jiménez Losantos. No fondo, eles e máis eu sorrimos pola súa impostura. Non menos cínico era Julio Camba. Libros del K.O. tiroulle a compilación de artigos Maneras de ser periodista. Nun artigo que escribiu dende a preguiza proustiana da súa cama no Palace confesaba que «o periodista é como a lura: toma a vontade a cor que máis lle conveña e deféndese coa tinta». 

Photo: Hunter S. Thompson