CIDADE

 

Xaime da Pena é avogado.  Porén, nunca me nega tres ou cinco  minutos do seu intenso tempo laboral para falarme amablemente cando nos atopamos no Cantón, ese foro que o Concello de Lugo acastelanizou como Praza Maior (sic).  Veño de conversar con Xaime, e como adoito,  introducín o meu asunto favorito: o ritmo da cidade.  O vagarento acordar que nunhas tramas urbanas supón unha hora e media, en Lugo anda polas tres. A iso das 11 da mañá co sol rematando de erguerse no ceo, a vida parece botarse fluír como os ríos de montaña na primavera.  Dime o meu amigo que os asentados en Lugo acabamos contaxiados por ese ritmo, basicamente porque resulta ben máis cómodo ca camiñar apresado. Fálolle do Ribadeo,  da miña infancia, sobre a cantidade extraordinaria de menesterosos que vagaban pola vila para almozaren contra o mediodía no Mediante ou no Breogán. Todos botaran anos como infantaría universitaria en Santiago e todos aproveitaban a inercia das fortunas armadas polos seus avós cos créditos bancarios da Casa de Casas e da Casa de Abaixo para consagrarse ao máis laxo dos ocios.  A cultura adquirida e o vagar dispoñible ad aeternum, permitía que os cafés da vila fosen espazos de tertulia tan complexa coma improdutiva. Nunca esquecerei a disputa sobre a posibilidade biolóxica de que existisen os centauros. O cerne da discusión foi a capacidade dunha columna vertebral para termar dun corpo humano e asemade equino. A conversa evoluíu elevándose a discusión flamíxera e rematou baixando aos abismos do persoal.  Os intervintes nunca se volveron falar, mesmo se esquivaban cando lles cadraba no Cantón -no Cantón de Ribadeo, que, este si, conserva o nome galego para as praza máis grande da localidade-. Como acontece en todas as cidades lentas, os avogados cruzan os cantóns coma estrelas en fuga, continuando unha conversa eterna no móbil e camiñando con urxencia.  Xaime non semella avogado ou talvez os avogados nacidos en Lugo teñen un ritmo de seu, cunha velocidade intermedia entre a súa profesión e o seu lugar.

photo:  Sabine Weizz