mask

 

Hai unha chea de asturianos que elexiron Ribadeo, a este lado da raia, para viviren, tomaren os viños, animaren a Fernando Alonso e leren La Nueva España; aínda que sigan traballando na súa comunidade. Unha parte deles conforman unha etnia pertinaz que se nega a que os fillos estuden en galego, e os matriculan a Vegadeo ou a Tapia, da banda de alá da ría. En principio, nada ten de reprobable, aínda que poderían respectar máis aos seus maiores, falantes dese peculiar e interesante galego oriental que eles empezaron chamando asturiano occidental e, cando se lles foron caendo todos os aneis filolóxicos, pasaron a individualizar como A Fala. Deben de pensar que, ao igual que se descubren tribos ignotas no Amazonas, os filólogos son quen de sorpenderse con novas linguas en plena Europa Occidental tras séculos dedicados á súa ciencia. Entre eses asturianos do exilio e entre algúns que se resisten a que lles digan onde e como han estudar os seus fillos e se manteñen chantados na Galicia bilingüe destacan acendidos amantes da liberdade idiomática que pretenden que nin eles nin -como evidente consecuencia- os fillos dos galegos poidan completar a súa formación cunha lingua máis. Ese idioma, o galego, seica non é exactamente estrano ao territorio de Galicia, ao que acudiron sen imposicións na procura de servizos que non atopan dirixíndose ao Leste ata ben chegados a Luarca. Pero ben, a Xunta está disposta a preguntarlles a eles e moitos outros galegos de nación ou de adopción se a súa lingua materna é o español, o galego ou A Fala para evitaren un modelo no que os cativos aprendan materias que non entronquen directamente coa evolución do aprendido no ámbito doméstico. Segundo este rigor científico, a consulta podería ampliarse a cuestionarlles se desexan estudar matemáticas ou non, dado que hai meniños de tres anos que chegan a escola cun escandaloso descoñecemento da multiplicación e non falemos xa desa materia evanescente chamada logaritmo.