Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
24 septembre 2013

A TRISTEZA DEMOCRISTIÁ DA MIÑA AVOA

 

avoas costas

Unha foto de Angela Merkel contra o remate da campaña devolveume a miña avoa materna. A presidenta alemá estaba soa, aillada no medio dunha nevarada de globos e serpes de papel que se descolgaban inofensivas, sorrindo porque rematara a encarga que se propuxera, triste polo cansanzo e porque volvía a cargarse de responsabilidade sobre un gran país. A miña avoa Aurora tiña ese corpo ancho, poderoso e merkeliano, coma se Alemaña puidese personificarse. O seu físico ía canda unha vontade infinita para redobrar a súa vontade. Os ollos azuis estaban cargados de tristeza democristiá -militou no PNV, o que deu motivo a Franco para aplicarlle a conciliación familiar desterrándoa a exercer de mestra e nai de dous meniños a nunha ígnota serra andaluza-. Aurora transmitía o mesma ca Angela a sensación de que vivía para que os seus protexidos avanzasen no tempo, e mirando de que ningún perdese o paso e se distancie do gupo. A miña casa era unha Arcadia lindante coa autoxestión, cunha franxa larga de horarios e obrigas, ata que Aurora anunciaba a súa vinda de Bilbao, con esa solemnidade e esas consecuencias de abanealo todo que tiña Victoria Eugenia cando ordenaba que lle preparasen unha estadía en Donosti, onde nacera a miña avoa. Con Aurora na casa non comiamos á hora, senón hora e media antes do razoable nun verán galego no que se procuran as horas máis quentes do día no medio da praia; con Aurora, o único xornal da casa se daba por lido na hora do té e había que procuralo no lixo; con Aurora a miña nai non se atrevía a bisbarme que me pusexe un termómetro se me deitaba ás 11 cun libro de Verne: a súa nai cedíame a súa determinación de estar na cama desas horas cunha novela de Dassiel Hammet. Recoñecía que Hammet non escribía coma Chandler, pero que lle prestaba máis. Que si, que Chandler que tiña un estilo máis donostiarra, pero Aurora Zaldibar se rendía á dureza industrial e ás liñas bilbaínas que marcaba Hammet, aínda que, na vida, a miña avoa era quen de mudar toda a súa solidez nunha tenrura reprimida e compasiva.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 435
Publicité