Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
6 octobre 2013

QUEN FIXO DE ROSARIO PORTO UNHA LADY MACBETH?

 project

Os ritmos do xornalismo non son os xudiciais, nin sequera os policiais. O periodista tamén traballa cun protocolo de comprobacións e de ética. Calquera que empece no oficio vai recibir a primeira encarga do seu xefe acompañada dunha serie de instrucións a respecto do enfoque, fontes, datos e conclusións ás que debe cinguirse para elaborala. A primeira pregunta que fai ese principiante -sobordado pola esixencia- é: "Para cando debo tela?" A resposta, invariable: "Para onte". A contestación fai medrar a tensión que xa lle meteu o superior, polo que, á terceira encarga, a primeira pregunta pasa a ser: "Para onte, verdade?" A información sobre a morte de Asunta Basterra era para onte. Informar sempre foi un oficio de urxencias, pero internet deitou barreiras dese protocolo de comprobacións e ética. As barreiras son cada vez menos e máis permeables.

Os medios de comunicación padeceron horas de 50 minutos para seren os primeiros. Os medios galegos están afeitos a carreiras de media ducia de corredores. Todos se coñecen entre eles, todos saben os ritmos e a audacia de cada un dos compañeiros de competición. O acontecido en Teo resultou tan singular que o número de corredores aumentou considerablemente e acudiron á capital galega outros poderosos, pero xeralistas. Explícome, os xornalistas que chegan dende Madrid ou que reciben encargas dende Madrid non traballan en información, senón en espectáculo: tanto cubren o novo amor de Chenoa coma un asasinato. Desculpen a frivolidade, pero trato de indicar que o seu método de traballo é o mesmo para unha liviandade sentimental dun famoso ca para unha fenda que esborralla as nosas certezas.

A diferenza no caso da adolescente compostelá foi de ámbito. A rapariga pertencía a un ambiente concreto, a unha burguesía asentada nesa cidade cativa que é Santiago, onde calquera sabe o nome e a situación matrimonial de calquera, que está envolta por outra cidade de universitarios, funcionarios da Xunta e peregrinos que pertencen -as tres categorías- a outros lugares. Asunta vivía nun mundo belo no que ninguén berra, ninguén insulta; como para pararse a imaxinar que alguén mate.

Ese carácter tan excepcional, tan afastado mesmo da máis truculenta fantasía abaneounos a todos ata o punto de que o por que foi a cuestión máis reiterada. Os periodistas, aguilloados polos corredores coñecidos de vello e asustados pola musculatura espectacular dos novos rivais, trataron de contestar achegando toneladas de información. Na rede caeron peixes que non daban o tallado mínimo e mesmo de especies que non deberían pescarse. Ben, Colexio de Xornalistas e Facultade de Xornalismo chamaro ao rego aos profesionais. A reclamación foi única e inesperada porque aínda non sentín ao Colexio de Médicos rifando aos seus colexiados polos erros, que non teñen consecuencias menos graves.

A opinión pública, agora vou xeralizar, actuou cun cinismo de manual. Tapou os ollos coa man para non mirar todo o lameiro de noticias que se lle botaba enriba, pero abrindo os dedos para satisfacer a ansiedade por experimentar a convulsión do escándalo. Non se explica doutro xeito ese entusiasmo co que a cidadanía alentou esa construcción de Rosario Porto coma unha Lady Macbeth perversa que determina as accións do miñaxoia Alfonso Basterra. Houbo unha decisión imprícita de vingarnos colectivamente contra unha muller privilexiada dende que entrou na gardería, de mirar como palidece unha estrela, de gozar da crueldade que agora sofre. Mesmo lle din Charo, como se fose a veciña do 4º Dereita. Esa convención xeral calada que busca remarcar a súa natureza subhumana convive cunha exquisitez ética que limita no ridículo de poñer a salvo a presunción de que poida ser inocente.

Non serei eu que dea unha palabra na defensa de Rosario Porto. A repugnancia das miñas sospeitas impídenmo. Unicamente pretendo lembrarlles que os tempos e os espazos do xornalismo non son os da xustiza, que un informador non pode agardar un ano a que remate un xuizo para informar nin pode limitar o seu campo de traballo aos datos que teñen que ver estritamente cun suceso. 

 

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 429
Publicité