personal-del-c3a9lysc3a9e-palaca-viendo-la-inauguracic3b3n-del-presidente-franc3a7ois-miterrand-paris-1981-henri-cartier-bresson

O xornalismo en Galicia non se distingue por temas (Política, Economía, Cultura,...), senón por territorios. O xornalismo en Galicia é un asunto local. Iso supón que cada periodista pode ubicar a casa do máis misántropo dos pedáneos, pero ignorar o nome de seis alcaldes das sete grandes cidades. Hai un década acudín ao Femenino para informar sobre un acto, non lembro o asunto porque eu son xornalista galego e aos xornalistas galegos non nos interesan os temas, senón os lugares nos que acontece a noticia. Había media ducia de participantes e coñecía a todos de quitado un señor con traxe e queixo ancho e adiantado, propio das persoas decididas. Aquela gravata azul ceo e aquela mandíbula empúxaronme a preguntarlle, malia que el deambulaba coma un bedel que non sabe onde perdeu as chaves. Empecei, maleducamente, preguntándolle polo nome e apelidos -sempre o fago porque despois esquezo-. "Chámome José Luis Méndez Romeu", contestou adiantando o queixo con carraxe contida e despregando todo o noso sistema heptavogálico, polo que supuxen que era coruñés. Malia ser un intruso nun sistema informativo alleo daba por suposto que eu había de saberlle nome, cargo e grupo sanguíneo. Entre os xornalismos locais tamén hai xerarquías. Hoxe leo que José Ramón Gómez Besteiro o escolleu como voceiro no Club do Hórreo, dado que el carece tarxeta de socio. Á volta destes dez anos, sei quen é Méndez Romeu. Parece un parlamentario de cando eu andaba no Bravú e os políticos nos trataban con sorrisos antropolóxicos, pero disque amosa experencia e solidez. A maiores, Besteiro non debe ter maior problema en que se escorne intentando abrir cuña nese pacto de opostos que une a Feijoo e Beiras ata o punto de que non corre aire entre eles. Iso facilitaría ao futuro candidato socialista o avance polo corredor da sede parlamentaria cando lle chegue a oportunidade. Polo de agora, todo o que fixo Besteiro -con resultados positivos- foi seguir a máxima de François Miterrand: "Soamente se sae da ambigüidade en detrimento dun mesmo".