ken read

A identidade nacional é tan demostrable coma indemostrable. A dereita española abre hoxe todo o seu abano ideolóxico para despregar bandeiras das tres franxas en Barcelona. O obxectivo é transformar en palpable a españolidade de Cataluña. O plan estratéxico non resulta imposible. O bispo Pelayo inventou un Reino de Asturias, o mito fundador de España, a base de escribir historia-ficción. Mesmo unha maioría de galegos acepta ese pasado de cartón pedra coa lenda de Covadonga e con monarcas non menos impostados ca os posteriores. A propia Al Andalus existiu durante 800 anos -varios séculos máis ca España-, polo que os panarabistas non atoparían maior atranco en demostrar a arabidade de España. Volvo a Cataluña. O nacionalismo español convocou para hoxe (eu escribo de mañanciña) un amoreamento da enseña que os identifica. O provocador anarquista que era Pío Baroja chegou a afirmar que "a democracia é a ditadura dos números". Eu desboto esa información en conxunto, pero hai cuestións concretas nas que se pode comprender o sentido no que o dicía o vellote misóxino. Non podía ser doutro xeito porque eu comparto con el a miña desconfianza cara ás bandeiras, himnos e outros signos de asentimento colectivo. Porén, as clases medias españolas asumen con submisión eses símbolos identificadores. Esa actitude tan pueril ten unha faciana que apunta a Cataluña cun cinismo vergonzante. Primero, negan a democracia prohibindo aos cataláns que se expresen para poder botar contas. Estamos en Europa, o continente no que se supón cada individuo ten opinión e pode manifestala para que determine a maioría. Ben, non semella que España poida soster nin tres anos máis este silencio dos cataláns. A motivación constitucional para impedir un referendo está máis cerca do patrimonio inmaterial de Alfonso Ussía ca do ordenamento xurídico. O Plan B resulta aínda máis sofista: como Cataluña é unha parte de España, toda España debe votar para decidir se Cataluña deixa de formar parte de España. Absurdo. Como os exemplos sinxelos son os máis ilustrativos, poño un: quero vender o meu piso, o meu piso forma parte dunha comunidade de pisos, logo todos os propietarios doutros pisos deberían votar se podo vendelo ou non. Ese é o razoamento enchepistas nas tertulias radiofónicas de Madrid. Sigo. Excluída a saída duns comicios porque se dá por fuga catalá, o nacionalismo que navega en tres caravelas Manzanares arriba iluminou a idea dunha enquisa cromática a base de reunir máis bandeiras rojigualdas ca esteladas. Esta noite, a televisión pública estatal e radios privadas; as capas dos xornais, mañá, fachendearán da democracia das bandeiras dicindo que nun día concreto había máis enseñas das súas ca do rivais no Territorio Comanche. Hai grandes vitorias de cativas consecuencias.