anti flirt

Veño de mirar unha entrevista televisiva con Xosé Manuel Beiras. Vai camiño de Chicote, a figura á que recorren os directivos televisivos para devolver a medición de audiencias á cifra cómodas. O pai dunha amiga, conservador españolista, definiu hai moitos anos a sensación que teño agora co líder da oposición. El falaba de O atraso económico de Galicia: "O desenvolvemento das ideas é impresionante; a conclusión, decepcionante". Estaba ceando un filete de lombo que deixara Sara sen probar porque lle axustaron os brackets e leituga da que nos regala Elena, mentres seguía a análise certeira impecables de Beiras. Buf. Daban ganas de esixir a convocatoria urxente de eleccións ao parlamento. Durante media hora crinme sandado do sebastianismo: persuadinme de que, ao cabo, había un líder nacionalista que gobernaría en San Caetano. Mesmo esquecín das guedellas brancas que abaneaba con brusquidade. Contra o final, Fernanda Tabarés pediulle unha conclusión e espertou a tosquedade do dirixente de AGE: tardou medio minuto enlamar a Feijoo sen fenda para un matiz positivo e outro medio en debullar o escuro plan do presidente da Xunta para botar os rapaces do país coa fin de eliminar a enerxía e a galeguización. En fin, unha mágoa.