motorista

Esta semana chegaron á redacción dúas esperadas novelas polas que ninguén agardaba. As esperadas novelas son un xénero peculiar dentro dos xéneros literarios. Hai novelas que son como multas de Tráfico, que os periodistas confiamos en zafarnos delas, pero acabamos por ler porque temos que falar co autor. Nese subapartado entran tamén as esperadas novelas que publican os editores amigos e que escribiron autores amigos. Son as máis traidoras porque non damos atopada un pretexto abondo grande para evitalas. Eu procuro escribir diatribas terribles sobre os editores e os escritores aos que coñezo de xeito preventivo: unha vez que len os meus comentarios, deixan de falarme e daquela estou escusado de perder o tempo en lerlles as obras se non me apetece. Pero a esperada novela á que me quería referir hoxe é esa obra que sabes que alguén espera porque hai un editor que cho indica amablemente na nota de prensa xunta ao exemplar de cortesía. Os gabinetes de comunicación dan por suposto que a venda prolífica dun libro concreto marca unha tendencia infinita para os seguintes, polo que cada entrega dese autor é unha agardada nova obra. Deben de ignorar que o lector adoita esquecer os nomes dos escritores, mesmo daqueles que asinan libros que lle deixaron pegada. Acorda do título, e grazas. Polo que eu sei, agardados son os alatristes, os harry potters e alguha ca outra serie de éxito semellante. O resto quitamos novelas cando nos deixan e temos que andar presentando a mercaduría de feira en feira. Ninguén agarda por nós na entrada das vilas con bombas de palenque.