collection_carousel

Albert Rivera ten truco. O líder de Citadans emprende misión comercial en España como Movimiento Ciudadano reformulando ese populismo tan evidente e tan caro ás clases intelectualmente baixas. O seu discurso está exento do bufonismo de Gil y Gil, da perigosa visión da política como arte económica de Ruiz Mateos e da indefinición galiciante de Rosa Díez. Mesmo Rivera supera á súa máis cercana rival, a exsocialista, en que non tivo que manipular o contaquilómetros de varias décadas en cargos públicos para encamiñarse por ese sofisma da política sen políticos que tanto medo me mete. Na presentación de MC, Albert Rivera apuntou catro notas de violín ao vento que soan estupendamente sen servir para absolutamente nada, a maiores de ser propostas parciais lonxe dun programa xeral que se pide a un xestor. En Madrid un milleiro de acríticos aplaudía como se estivesen recibindo as Táboas da Lei. A máis divertida e difusa é "España será lo que los españoles quieran". Célebre, agora que un cuarto deles pretende deixar de selo.