sartre

Os comunistas e os sacerdotes viven un tempo de fascinación mutua. Aínda se miran con leve desconfianza porque viviron épocas de exterminio físico mutuo, pero se admiran caladamente dende entón. Os comunistas adoran a capacidade dos curas para renunciar ao material en beneficio dunha fe, da que non poden permitirse dubidaren, e os sacerdotes viven impresionados pola disposición comunista a transformar o inmediato e palpable, e a capacidade para seguir a Marx sen dubidar. Cristianismo e colectivismo son os dous grandes fracasos teóricos da humanidade porque parten da premisa inocente de que o Home pode refundarse como se fose un lingote de ouro maculado de metais innobres. Hai un mes que asisto ao lento encontro entre dous homes de gran valía intelectual: o sacerdote e filósofo Nicandro Ares e o filólogo Xesús Alonso Montero. O gallo do encontro foi a publicación dos Estudos de toponimia galega de don Nicandro por parte da Real Academia Galega. Xa por teléfono, o profesor bromeara con que era comunista e iría ao Inferno; unha fachenda que lle valeu un desmentido categórico do relixioso, quen considera que "toda boa persoa" será remitida á Salvación aínda que non acredite a existencia de Deus, nin sequera a existencia do Ceo. A coincidencia entre ambos os dous onte produciuse na presentación dos dous volumes da obra de Ares no Seminario Diocesano de Lugo. Alonso Montero confesou no acto que coincidía con Nicandro Ares en seren amadores de Sartre. Sorprendeume no caso do profesor.