camels_doctors_whiteshirt

Os Jaureguizar nunca imos ao médico, simplemente morremos. Podo presumir de que mantiven a divisa familiar ata que hai quince días me asustei. Estaba no baño e, ao rematar de depoñer o preciso, apareceron pinguiñas de sangue imprecisas e inesperadas. Xa logo empezou a doerme o colon, a sentir punzadas no aparato urinario, a amolar os cadrís, a queixárseme a columna vertebral,... os síntomas conducían a un final inevitable. Aínda así, asistín ao Sergas na procura dun alivio. Saín cunha picada no brazo, que é o trance vital que máis temo. Todos os días ata hoxe notei as pernas de chumbo no paseo diario, as costas atravesadas por agullas,... estaba a morrer. Dei chegado ao ambulatorio. O meu médico é un home que sempre me mirou con desconfianza de Moliére as poucas veces que fun velo, pero nunca se apea da educación e cala. "O análise está fetén. Todos os indicadores están ben", alivioume. E daquela, no canto de pensar nos meus rubicundos glóbulos ou na miña prostata normal, reparei no tempo que levaba sen escoitar a palabra fetén, tan madrileña e tan setenteira. A maxia da palabra -non o significante, senón o significado- animoume a camiñar durante hora e media, tan confortable e tan lixeiro.