356 coupe

David Fernández Calviño levou a normalidade ao Parlamento Galego. Pasou de estar no paro a ter un salario estupendo por ser A Voz do Pobo, que sempre é máis pomposo e menos traballoso que opositar. No Hórreo é A Voz do Pobo, nomeadamente na expresión máis filohosteleira: cando fala, a tribuna parlamentaria semella a barra do bar de abaixo, con ese discurso de voo baixo intelectual, titeo insolente e bronquidade institucional. Hai moita xente en Galicia que responde a ese modelo, certo. Xa postos a encarnar, agora vai representar o papel de pluriempregado cohabitando dous postos de traballo a milleiros de quilómetros de distancia. A Lei de Incompatibidades permítelle ingresar por un labor que vai facer e por outro que lle vai ser imposible desenvolver. Habitual tamén. A maiores vai representar á tipoloxía do galego emigrante, do residente ausente que pode decidir o alcalde nun Concello que visita de ano en lustro. Tan galego, tamén. Todo o anterior vaino acometer porque unha deputada electa polo Pobo ese ao que representa Calviño se nega a cumprir os acordos cúpulas de Esquerda Unida e Anova; o Pobo, para entendermos. Se me permiten unha suxestión ambas as formacións, poderían pedir a Pilar Rojo que lle mande montar o escano nun avión de Ryanair para que exerza. A única chata que lle poño a esta novo xeito de facer política é que se parece moito ao vello; tanto, que é o mesmo.