Winston-Churchhill-speech-720x540

Cando teño que escoitar un discurso dun político, xogo ao karaoke de anticipación. Vou completando as súas frases porque sempre usan as mesmas 20.000 palabras, moitas delas inaxeitada ou ridiculamente (interactúan coa sociedade desde o seu partido, por exemplo). Desde que Beiras, que noutrora nos deleitou con gloriosas intervencións no Hórreo e en marabillosas desputas intelectuais con Fraga, decidiu poñerse no nivel xeral do parlamentarismo AGE, soamente me queda Carme Adán. Non soamente cita a Marco Aurelio con acerto, senón que sabe quen é Pierre Hadot, como me demostrou o outro día en Twitter. Afeito xa á falta de esperanza na interactuación desde a política coa sociedade, sorprendeume hoxe Núñez Feijoo cun discurso ben armado no que establecía unha comparación entre Sofía Casanova, esa emocionante xornalista de Culleredo da que nos falou Encarna Otero, e a miña admirada Victoria Prego. Se o texto fluía, subiu ata o cumio falando das persoas que nunca saen nos xornais porque as súas vidas son reiterativas e citando a Enciclopedia dos mortos, de Danilo Kis. Eu sei del polo traballo tenaz de Jairo Dorado, pero seguro que houbo máis dun escoitante que se preguntou que membro da banda de Gene Simmons se chamaba Danilo.