Watergate-04

Botaban por La 2 un documental bastante aburrido sobre un tema apaixoante, como é Gorxa Fonda. O traballo ten mérito de distraer continuamente para convidar a facer algo máis entretido polo xeito reiterativo no que especula sobre a identidade de Gorxa Fonda e no que nos conta os 18 minutos con trinta segundos que Richard Nixon borrou dunha gravación privada de Richard Nixon cun asistente sobre o Watergate. Polas notas do asistente, sabemos que falaron da estratexia informativa que seguirían. O documental refírese a ese borrado dun documento privado con aires de crime que o achegan ao ridículo. Como me estaba exasperando, lin no xornal unha entrevista con Carlos Príncipe facendo o papel de José María Aznar: o político que se resiste a formar parte da Historia porque entende que a Historia é un proceso que avanza no tempo e que se pode protagonizar ata a extinción física. Ambos os dous tratan de remarcar a importancia do proceso político que protagonizaron enlamando o actual para gañar na comparanza. A diferenza é que Príncipe nada ten que perder, polo que enzoufa coidadosamente cada intervención. Agora abriu a baralla do poker de presuntos nepotismos no goberno vigués. Tras presentala, inchou o peito como se falase dun feito único e limitado ao Concello sureño. Non me sorprendeu, aínda que o ex alcalde si me ten fascinado coa prolongación do seu estertor político. O documental sobre Gorxa Fonda apunta a Mark Felt, segundo do FBI, resentido con Nixon por non elexilo para dirixir a axencia á morte de Hoover. Tras o seu pasamento, a sospeita confirmouse. Carlos Príncipe actúa ás claras, pero Felt cambiou a Historia mundial. En todo hai escalas.