antique-enamelware

Doris Lessing aseguraba que as bibliotecas son os lugares máis democráticos porque permiten pedir o que queiras. Niso semellan bares. Tamén podes entrar e pedir o que desexes. As bibliotecas teñen a vantaxe de que ninguén bracea e berra a un televisor para dirixir imaxes bidimensionais de futbolistas. Outra pexa dos bares é que cobran, como acontece nas librarías. As librarías empezan a habilitar zonas de cafetería e a reunir os lectores en clubs para tratar de salvarse do tornado dixital. A mesma visión chegou ás bibliotecas públicas. Unha mañá acudín á Nodal de Lugo para celebrar que dotaron o vestíbulo de sofás e máquinas de café lendo O caderno dourado (Galaxia). Era a miña despedida ínfima e discreta de Doris Lessing. Aproveitando a wi-fi un home púxose a videoconferenciar para vender un proxecto a Médicos Sen Fronteiras. Pode que hostelarizar as bibliotecas sexa un acerto. O 99%  das persoas aturan a fame, o sono e o frío, pero non dán resistido a soedade. Un acto libre, silencioso e individual coma ler está mudando a evento colectivo e dialogado. Neste momento en que, cada vez se pode escoller entre máis títulos e cada vez se poden escoller máis lugares grazas aos dispositivos electrónicos, convertemos a lectura nunha disciplina determinada por un grupo. O conxunto de lectores nos marca a obra a ler e o prazo para facelo. A outra mañá, o videoconferenciante tivo éxito coa súa proposta. Celebrouno coma un gol a favor. Logo chegaron dúas rapazas educadísimas para colocar un cartel dun festival de danza experimental xusto por tras o sofá no que sentara ler. Pechei o libro e marchei a un bar.