cHURCHILL

O cachalote que se comezou a expoñer en Sanxenxo lembroume ao pesimismo de Burke sobre España cando a definiu no século XVIII como “unha gran balea varada nas costas de Europa”. Non parece que o asunto vaia mellorar agora que o PP decidiu cesar de subvencionar con cartos de todos nós a folganza de Santiago Abascal na fundación Defensa de la Nación Española e Santiago Abascal deixou de representar a facción máis amencer dourado do PP. Non era que lle faltase o traballo a Abascal, porque ese remexallo de mitos áulicos, covadongas de cartón pedra e Historia requentada que é a nación española require ben defensa. As cousas aínda poden empeorar no estado. Mariano Rajoy largou esta mañá unha das súas benaventuranzas: “Pediuselles moito aos españois e vaiselle devolver con creces”. Temo o peor. O único motivo de alivio chega de Escocia, onde Salmond prometeu que, tras a independencia, manterán a libra e a BBC. Eu tamén soño con esas respetabilísimas institucións para Galicia se algún día se converte en estado de seu.