Poker

O sistema parlamentario español vai arrimándose ao caos. O partido gobernante loita casa a casa para que a corrupción non acabe por esborrallar a súa cúpula, que levaría canda ela as estruturas básicas, e o líder da oposición trata de achicar auga no seu liderado, cheo de vías de escape a babor e estribor. Tan ocupado está o PSOE en amosar unha cara de potencial goberno, aínda en esquema, que cedeu o labor de oposición a un xornalista, Pedro J. Ramírez, que mañá tras mañá vai deixando fotografías da ausencia de vergoña na falanxe andaluza da UGT, como antes nolas amosou dos arredores do Trono ou do casco vello de Xenova. Os xornalistas gostan especialmente de gobernar sen ser gobernantes, de marcar as decisións sen asinar os decretos-lei. O director de El Mundo goza desas atribucións porque lle deixaron o campo aberto para formar unha democracia delegada, que exerce un representante que unicamente elixen os seus lectores. Outrora decidira converterse en bisagra da maioría parlamentaria a través de Rosa Díez e agora semella que cambiará de cabalo para dar folgos o experimento de Albert Rivera. A raza dos tres é a mesma: personalismo.