Astrid+PierrePresse

Hai edificios en Lugo que servirían para reconstruír medio século de cidade. Mesmo hai barrios que reproducen a provincia, cos chairegos asentados na Milagrosa; os chegados da Montaña na avenida das Fontiñas e os migrados dende o sur na Fonte dos Ranchos. Parece que a vida fose para eles a fin de semana na casa e unha suspensión laboral de cinco días. No sábado e domingo Lugo queda para os lugueses de toda a vida que soamente se permiten unha pausa vespertina para pasear por Marineda City. O escritor Alaa Al Aswany chegou a meter todo un país nunha casa. A súa novela O edificio Yacoubian (Rinoceronte) resume 65 anos de Exipto. O espazo que escolleu é un edificio real, unha construcción que o armenio Hagop Yacoubian se pagou no mellor barrio de O Cairo, en 1934. A edificación, de estética europea, atraeu  estranxeiros adiñeirados e aristócratas. Levaron canda eles os criados a solucións habitacionais nos pisos máis altos. Andados os anos, aconteceu o mesmo ca no conxunto de Exipto: os ricos  venderon a oficiais do exército e comerciantes, mentres que pobres ocuparon o lugar dos serventes. Os barrios populares de Lugo tamén experimentaron ese cambio e, mentres os propietarios foron achegándose ao centro, as súas casas empezaron a ser ocupadas por inmigrantes. Xeraron uns lugares de convivencia curiosos porque resulta habitual ver rapaces latinoamericanos que berran para facerse escoitar por riba da música que lles soa nos cascos xunto con señoras que tapan o cabelo con teas, algo que tamén empeza a acontecer a medida que avanzan as páxinas de Al Aswany.

Photo: Astrid Pierre