Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
8 décembre 2013

O PRIMEIRO HOME

 

avións

A canción máis programada polas emisoras de Estados Unidos cada vez que o seu exército se mete a combater na praia ardente de Oriente Medio é Killing an arab (Matando un árabe). O seu compositor, Robert Smith, líder da banda británica The Cure, escribiu: «Estou vivo/estou morto/son o estranxeiro/matando un árabe». Durante a xira de promoción por Norteamérica, Smith desesperou subliñando que a mensaxe do tema non era racista, senón que buscaba reproducir a escea na que Meursault —protagonista de O estranxeiro, de Albert Camus— dispara contra un home nunha praia porque un reflexo no mar o leva a sospeitar irreflexivamente que se vai a el cun coitelo. O mito da caverna de Platón recreado nun areal de Alxer. Meulraut é o estranxeiro, carece de vencellos coa sociedade na que se atopa e, como consecuencia, tanto lle ten matar ou morrer.

A novela comeza describindo a indiferenza do protagonista a respecto do pasamento da nai. Meursault non dá concretado o día da morte, pero tanto ten. Os patriotas das barras e as estrellas que escoitaban as emisoras de radio durante os combates en Iraq sentíanse soldados de salón incendiados polo odio ao árabe, a todo árabe, e por iso berraban con máis forza o verso que dá título á canción de Robert Smith. Aínda que les non eran Meursault, non lles tiña todo igual: querían matar un árabe. Albert Camus nunca quixo matar o árabe que tiña ao seu carón, quixo ser o árabe, integrarse completamente nun ámbito magrebí no que foi feliz. Porén, os alxerianos desconfiaban del coma colono francés con tanto desprezo coma os franceses continentais desconfiaban do seu «temperamento africano» —que dicía o seu profesor e mentor Jean Grenier para louvalo—.

Nin o propio Camus soubo nunca quen era. Botou a vida buscando a súa identidade, perdeu a vida sen darse atopado. O nome do texto que levaba cando padeceu o derradeiro accidente, ‘O primeiro home’, é significativo.
A súa familia chegara dende Francia aspirando a facer agromar flores no deserto. Estableceuse en Alxer. O escritor non tiña unha visión negativa dos seus antergos, ao contrario: «Os franceses de Alxeria son unha raza bastarda, feita de mesturas imprevistas. Españois e alsacianos, italianos, malteses, xudeos e gregos atopáronse alí. Eses cruces brutais deron, como en América, bos resultados», defende en El verano.


Albert foi fillo do soldado descoñecido, pero que lle legou unha caixa de lembranzas e fotografías para que o pequeno construíse o seu puzzle ata completar o heroe de guerra. A nai, que aunaba ser xorda, analfabeta e fregandeira, non daba competido coa mítica bélica. Con todo, Albert sempre admirou sen reparos a aquela muller torpe que o tivo hai agora cen anos, en 1913. A base máis fonda desa devoción probablemente teña que ver coa súa valentía ao enfrontar as limitacións físicas e, como consecuencia delas, profesionais.


Pero o seu modelo de comportamento social, non foi a nai, senón un tío dandi e culto. Cando o cativo Albert empezou a tusir e vomitar sangue, a avoa levoullo. Dado que o rapaz padecía «unha doenza de ricos», pediu ao carniceiro podente da familia que lle dese casa e filetes de vaca. Daquela, o mozo empezou a vestir cunha elegancia á que nunca renunciaría. Mesmo nin cando as Mocidades Socialistas, nas que ingresou na universidade, lle reprochaban a contradición entre a estética e a ética. Os camaradas non repararon en que o traxe de Camus era sempre o mesmo pantalón e a mesma chaqueta gris perla. Outro non tiña. Tampouco souberon que gastara tanto as solas dos zapatos que temía polas plantas dos pés. Curiosamente, a súa futura esposa, Simone Hié, destacaba por cambiar cada día de vestido, aínda que ese detalle era menor en comparanza con que carecía de roupa interior porque non lle daba uso. Hié escolleu levar ese espírito liberal e provocador ata o extremo, e acabou anegándoo a base de morfina, unha adición tan literaria coma letal.


Se a apariencia de Albert lle viña marcada polo tío, o seu pensamento bebe da filosofía de Jean Granier. Foi ese docente quen, recén chegado da Francia continental con libros e ideas frescos, reparou de seguida nun alumno «de anchas costas, mirada viva e pinta decidida» que se lle sentara ao fondo da aula. Logo o reclamou: «Camus, póñase na primeira fila cos máis rebeldes!» Ao recibir o premio Nobel, Camus dedicoullo nunha sentida carta.


Tras décadas procurando a condición humana, o pensador atopouna durante unha viaxe con Simone Hié e un amigo por Europa. No seu transcurso, descubriu que a súa muller prefería ao médico que debía recuperala para o mundo dos sans e porén lle remitía doses de droga. Perplexo e irritado, marchou en solitario uns días. Citouse cos outros viaxeiros en Praga. Agardando por eles na cidade checa, visitou igrexas e museos. «Unha vez fóra, eu era de novo un estranxeiro», recoñeceu. Esa experiencia resignouno a constatar que cada un de nós somos soidades compartidas que conforman unha sociedade. Camus tratou de ser O primeiro home. A súa definición dese proxecto de persoa anovada era «un primer home que parte de cero, que non sabe ler nin escribir, que carece de relixión e de moral. Recibiría unha educación sen educador». A súa visión ten un pouso mesiánico. Sendo adulto, describe o seu nacemento para o xornal Il Gazzettino a xeito do acontecido en Belén no ano 0, cos pais viaxando en carromato e deténdose para o parto. Un grupo de árabes prende unha lámpada de aceite, nun xesto que Camus presenta coma guía para Os Magos.


Cando se afilia ao Partido Comunista, escribe ao seu profesor Grenier que ten «un desexo forte de ver diminuír a suma de desgraza e de amargura que envelena aos homes». Aínda que acabou abandoando o marxismo porque non quería que «entre a vida e o home se interpuxese un volume de O capital». O desencanto levouno a convencerse de que o ser humano soamente podía ser renovado en pequenas comunidades, unha hipótese que leva milenios realizada nos mosteiros das diferentes crenzas. Camus elexiu as minorías perxudicadas: árabes desprezados no apartheid da África colonial, republicanos españois que liscaran da barbarie franquista cara a Alxer, vítimas da vesanía estalinista,... no fondo, mirábaos coma os estudantes cos que xogaba ao fútbol cerca do cemiterio: «O que sei con maior certeza a respecto da moral e das obrigas dos homes débollo ao deporte, ao que aprendín no equipo de fútbol do instituto».


Todo ese peso de reflexión e de angustia polos perseguidos non lle negou períodos de alegría. Na universidade deu coa súa comunidade venturosa nunha casa branca alzada sobre a baía luminosa de Alxer. Alugouna cuns amigos e amigas para compartila libremente. A Casa Ante o Mundo, chamouna pola panorámica que lle ofrecía. En A morte feliz escribe que «A Casa Ante o Mundo non é unha casa onde un se divirte, senón unha casa onde se é feliz».

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 429
Publicité