sinatra4

Cheguei do xornal na volta de venres para sábado e, mentres ceaba xarda en escabeche, andei mirando dúas crónicas sobre a decadencia de senllos imperios. Un documental británico presentado por un home de apariencia sarracena sobre a caída do Imperio Otomano e un especial sobre o descenso á sala de caldeiras da familia Mohedano, esa etnia que se presenta ao mundo como Jurado pola famosa cantante que tivo de matriarca. A primeira axudoume a tocar coas xemas dos dedos a lama que hai no fondo desa corrente racista que tantos austríacos arrastra e da que eu bebín algúns grolos amargos nos libros de Thomas Bernhard. Un exército cristiano derrotou aos otomanos diante das murallas de Viena. O medo faravos libres. Os austríacos buscaron daquela unha unidade europea non baseada na cultura nin na lingua que nada relacionaba, senón nos espazos contiguos que reforzaban cunha masa ligada no morteiro da relixión. Por veces cambiaba a Sálvame, onde unha amante de Amador Mohedano e os colaboradores residentes debatían sobre o prazo de tempo que debe darse unha parella dende que se coñece ata que se entrega ao uso nocturno da vaselina. Daquela regresei ás noticias da mañá, con Adelson renunciando a Eurovegas. A lei debe ser igual para todos, como dixo El Rei con seriedade; aínda que a súa familia pareza exenta da característica da xeneralidade. A desesperación desconcertada de Madrid, alentada polas Olimpiadas frustradas e a suciedade política e mesmo urbana, estivo a piques de lograr un país con normativa distinta dentro de España. Temos que aturar ese discurso de Rajoy, tan famélico intelectualmente, de que todos os españois deciden sobre o que afecta a España, cando Mas pide o mesmo que esixía Adelson: un Estado asociado con normas propias.