DURMIR NUNHA INMOBILIARIA
O lugar máis estrano no que teño durmido foi un baixo ocupado por unha inmobiliaria. Hai unha década había tantas que se me fixo raro que o primeiro contacto co sector, non sendo como cliente, fose como residente. A inmobiliaria estaba baleira coa excepción dun sofá ancho no que me estomballei para pasar a noite. As vistas daban ao reverso dun escaparate cheo de grandes adhesivos con forma de número que formaban números telefónicos. Eu estaba dando unha volta por Bruxelas. Xabier Queipo ofreceume aquel espazo. Xabier é un deses sabios plurilingües aos que ignoramos respectuosamente. Contoume que estaba reformando a casa mentres comezaba a fedellar na tradución do Ulises de James Joyce que agora publica Galaxia. El e os outros tres tradutores partiron da versión orixinal en inglés. Sendo fascinante o ‘Ulises’ non menos é a peripecia da súa tradución ao galego. Tivemos varios dos nosos mellores talentos filolóxicos —González Millán, Craig Patterson, Noia Campos, Antonio de Toro, Carmén Millán,...— debatindo sobre se Otero Pedrayo verqueu para o galego uns fragmentos partindo da versión orixinal e/ou da francesa. Kerry Ann McKevitt fixo un detalladísimo estudo sobre ese asunto cando Galaxia volveu publicalos nun libros. Os parágrafos que traduciu Otero son tan escasos, breves e inconexos que sempre me preguntei se non había xeira mellor que confiar a eses expertos. Mellor lles era facer como Ánxel Fole. Escribía mirando por algún libro. Había malpensados: «Que, don Ánxel, copiando?» Fole acendíase: «Que burro é vostede! Estou documentándome!»