O ZAPATERO COMO UNIDADE DE MEDIDA POLÍTICA
Había un señor en Ribadeo de tal prevención para a retranca que soamente ría cos chistes que ridiculizaban a Franco. O Vlad Dracul ferrolán rebentara contra un paredón a vida de varios amigos seus e estivo a un consello de guerra de rebentar a súa. Franco era unha categoría humorística para aquel exconcelleiro republicano, pero ascendeu a categoría de obsesión política para toda a esquerda española sen matices ideolóxicos. Xa que logo, a dereita botou a longa de noite de pedra e o breve solpor democrático inquieta pola falta dunha obsesión na que recrearse e blandir na contraposición dialéctica. Carrillo andaba escaso de calibre. A súa escasa entidade débese a que as obsesións políticas soamente se forman tras o paso do protagonista polo poder. A toma de decisións alimenta as pulsións dos desaprobantes. O líder do PCE soamente pasou por Paracuellos e os historiadores din que nin iso, que a masacre foi decidida polos camaradas enviados por Stalin. O segundo Advento do PSOE ao poder logrou que o verbo da dereita se encarnase en Zapatero. Durante oito anos deu un pulo social a España que eu aínda agradezo, pero errou no sostemento dunha praxis económica inaxeitada ao asomo dunha crise feroz. O problema, a carne de psiconálise, é que todo o pensamento columnístico conservador está conectado polo mesmo cable ideolóxico: Zapatero como referente ao que se acode para valorar negativamente toda medida política que atenda ao ben común con cargo aos orzamentos xerais do Estado. O zapatero é unha unidade que mide o acertado ou enganado das decisións que toma mesmo a dereita agora de paseo polo poder. Chegou a ampliar a súa influencia para converterse nun sofisma. Hoxe cheguei a un señor apelidado Montano a través de Jabois para ler a cinta de Moebius dialéctica de que a Lei de Aborto tiña aura zapateril na súa inspiración resesa. En fin, disque Zapatero non tiña carisma...