CITIZEN KANE

ANDO LENDO varios libros en paralelo. Estará vostede imaxinando a miña atención lectora coma unha autovía veloz de cinco carrís. Non tal. O negativo de andar tonteando dun volume para outro é que non se avanza de modo mensurable. Dous textos nos que ando nestes días de abalarme entre gambas, somnolencia e cava —catalán, of course— son de Galaxia: Risco segundo Risco, de Antón Risco e Arturo Lezcano, e Para que nos sirve Galiza?, de Xaime Subiela. No primeiro, Risco jr. contesta. No segundo, Vicente Risco aparece como Frodo Bolsón. A pregunta que se fai Subiela no título non é pequena nin inocente. Os países non teñen que servirnos para nada, pero parece o xeito implícito que ten o autor chantadino para empezar a querernos como pobo. A utilidade de ser nación subxace nas explicacións que ofrece o ensaísta para xustificar que o problema galego provoque chasqueos de lingua en Madrid en comparanza cos problemas catalán e vasco. O problema galego é que ninguén o toma en serio. Tanto Antón Risco como Subiela fan expiacións. Risco jr. pide o perdón para o pai presentándoo como un independentista que trasacordou en franquista por medo a levar un balazo no cranio. Subiela constata que os galegos son galeguistas e non queren ser menos, certo, pero tampouco máis. En Para que nos serve Galiza? debuxa  unha paisanaxe tan vagamente ambiciosa como as paisaxes que dicía Vicente Risco que pintaba Castelao: como non daba representado a complexidade «collía catro elementos». Risco non sería franquista, pero era cruel no aparente eloxio.