damage

Os rapaces que berraron hoxe a Garzón en Santiago erraron na protesta concebida no seu conxunto. O primeiro é que berrar para non deixar falar a alguén é unha mostra de inseguridade cara ao que o apupado nos intenta comunicar. No suposto de hoxe, por riba, o exmaxistrado estaba afónico. Os mozos confudiron, asemade, o contido que motivaba a súa protesta. Baltasar Garzón pretendía falar na súa calidade de político, dese gran político que arramblou coa lei de punto final que se asinou de xeito tácito na España da Transición, reabrindo centos de foxas para que a dignidade dos asasinados puidese coller alento. Certo que usou armas xudiciais, pero ten unhas mans torpes para manexar o código penal. De feito, e a iso se referían os protestantes, fixo conducir ata a Audiencia Nacional de Madrid, co quebranto en todas as ordes que representa iso para unha persoa,  ducias de vascos e algúns galegos. A consecuencia da súa frivolidade como autoridade e da súa impericia como instrutor foi que houbo de devolver a liberdade, que non o respecto, a unha gran maioría. O razoable e, de xeito redundante, o educado, sería escoitar a súa conferencia e, ao remate, facer uso prolixo do debate esperable neste tipo de intervención. Dada a faciana política que nos presentou Garzón, os bradantes deberían ter respostado ás ideas con ideas, non con mensaxes desmesuradas en carteis e con berros, tan mecánicos que acaban perdendo o significado. Para empezar, sería positivo que alguén lles explicase as diferenzas entre unha universidade e unha feira.