tongariki

Rajoy carece de idade, biografía e decisión para ser un heroe de Conrad. Con todo, esta mañá intentou excitar o imaxinario colectivo -el diría patriótico- consentíndose a si mesmo proclamar que "xa atravesamos o Cabo de Hornos". O Cabo de Hornos é un limes da épica que non debería nin ser mencionado por un señor que podería formar parte do mobiliario dun despacho Luís XVI porque o risco acuático máis exacerbado que puido ver na súa vida foron os peixes da súa peceira. Metido en épicas e imposturas patrióticas éralle ben máis acaído Alatriste. Uns minutos antes no seu discurso sobre a Nación do Estado argumentara que as nacións son modernas en proporción á súa unidade, ergo as ditaduras son modernas podería deducir eu. O presidente español tampouco debería reclamar a súa modernidade porque soamente coñece esa palabra nun idioma, mentres que el e esa marea de mediocridade que goberna no think tank periodístico que o sustenta acusan de "paleto" a un presidente como Artur Mas quen de se expresar relaxadamente en catalán, español, francés e inglés.