Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
2 mars 2014

TODOS SOMOS ARTISTAS

batman_robin_1966

AS DÚAS GRANDES ideas forza da modernidade son que os fubolistas teñen unha semana laboral dun único día e que a arte contemporánea é un timo. Non me sinto autorizado para opinar sobre fútbol, pero dáme a impresión de que, para correr quince quilómetros durante hora e media ao ritmo dos xogadores, hai que ter a capacidade aneróbica de Hermes, o mensaxeiro dos deuses.
No asunto da arte concordo coa xeneralidade da cidadanía, se ben non podo evitar a sospeita de que a maioría se fía dunha impresión frívola fundamentada nunha soberana ignorancia. Disque Picasso, con todo o seu inmenso saber sobre arte e coa habelencia técnica que amosou cando pintou ao xeito clásico, trazaba garabatos. Menos mal que non saben de Keith Haring, a quen tomarían por un debuxante de cómic; nin de Mark Rothko, a quen confiarían o durmitorio dos nenos sen reparar na ducia de matices que podía introducir en cada mancha.
O problema da arte contemporánea é que os espectadores se desentenderon dela e a deixaron nas mans de artistas e políticos. A vantaxe dos creadores é que calquera persoa cunha carencia mínima de amor propio e levemente dotada para a oratoria podía convencer a un gobernante daquela España potentada que medraba en vertical da súa xenialidade. A primeiros deste século, a instalación, disciplina escultorizante e tramposa, viviu anos de burdeos e rosas porque os políticos eran ricos en orzamentos e pobres en criterio.
Non esquezo que Hermes foi un vello bardudo, priapístico e falabarato ata o século IV a. de C. Daquela mudou —rexuvenecendo coma Benjamin Button, de Scott Fitzgerald— nun rapaz desexable. A súa estatua pasou a presidir os ximnasios.
O experto Camilo Franco anda estes días tratando de recuperar a arte para o público co proxecto Queres ser arte contemporánea? Vai entrevistando aos visitantes do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago. O CGAC é un edificio de Álvaro Siza tan marabilloso como entorpecedor para expoñer. A culpa é da cantidade de corredores, currunchos, ángulos e habitacións descabalgadas que lle deseñou Siza. Non se pode acusar á ignorancia política en arte tal chafallada porque o promotor foi un alcalde que é arquitecto, Xerardo Estévez.
A intelixencia e a cultura de Camilo Franco sitúano na estirpe que ten orixe en Diderot, e continuidade en Stendahl, Balzac, Baudelaire e os Goncourt, que artellaron un discurso intelectual para a pintura do seu tempo.
O catedrático da Sorbona Marc Fumaroli laméntase en París-Nueva York-París (Acantilado) de que os artistas europeos «esquecesen séculos de experiencia no debuxo». A técnica rendeuse á maqueta. A arte actual tanto instala unhas camas de Barbie na reprodución dunha casa como mete uns peixes carnívoros nun acuario coa miniatura dun Mercedes.
A formación contou con prestixio durante séculos. Miles Davis explicouno ao xeito falando sobre Bill Evans: «Toca o piano como se supón que debe facerse».
Agora prevalece o discurso. A maiores dun Cristiano Ronaldo do clasicismo, Hermes era o deus do comercio, a divinidade dos locuaces. Homero preséntao nos himnos como «de multiforme enxeño, de astutos pensamentos, xefe dos soños, espía nocturno, que logo habería de fachendear de gloriosas fazañas diante dos deuses inmortais».
Un amigo, fotógrafo de prensa,repetía cando asistía a traballar a exposicións: «Ás tres da mañá todos somos artistas».

Julio Cortázar facía unha reflexión que se pode aplicar a esta deriva da arte contemporánea dende a disciplina técnica ao story telling. Contaba o susto que representou para os pais —afeccionados a música clásica, no culto, e ao tango, no popular—, que o fillo adolescente se afeccionase ao jazz: ese estilo sincopado, escuro e vicioso. Xa en Francia, o escritor salienta que o jazz «non distingue entre instrumentistas e compositores, todos son músicos». O jazz parecíalle unha democracia libertaria e fascinante. O entusiasmo era comprensible se se repara en que deixara atrás a Perón, que presidía unha monarquía de película de Juan de Orduña.
Estados Unidos desprezou na segunda metade do século XX o debuxo clásico para desenvolver as vangardas da pintura, pero non deixou de lado a música clásica para conformar o jazz. Bill Evans, por exemplo, mantivo en toda a súa carreira a presenza da tradición romántica europea que aprendera na súa formación académica como pianista. Amaba a Liszt, Debussy e Ravel.
Claro que os artistas máis fondos e dotados son os que traballan como artesáns. Virginia de la Cruz resucita varios no libro El retrato y la muerte. La tradición de la fotografía postmortem en España (Temporae). Para retratar a morte nada coma un fotógrafo galego, porque quitan imaxes na néboa que cubre o paso do máis alá e o máis acá. De la Cruz reivindica a Maximino Reboredo, Ramón Caamaño ou Virxilio Viéitez. Os tres carecían de discurso, mesmo carecían dun estudo en condicións e de medios para desenvolver axeitadamente o seu traballo. Non fixeron instalacións, pero trascenderon.

 

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 429
Publicité