Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
16 mars 2014

UNHA NOSTALXIA AUSTROHÚNGARA

 

elia-kazan-kirk-douglas-faye-dunaway-arrangement

Novedades Carminha, a banda radicada en Compostela, vén de quitar Juventud infinita, un disco que presentan cun sinxelo homónimo de inspirado retrouso : «O follamos todos o me tiro al río/ Juventud infinita, juventud infinita». Exhibindo tanto desespero feromónico, semellan máis encamiñados a cambiarse o nome polo de The Lost To The River.
O trío debería estar máis atento ao xeito no que vai tirar rendemento ao seu disco, malia que xuraría que non padeceron transtorno do sono algún por un desaxuste métrico nas súas letras. O problema é que os creadores de cultura —acepto nesa categoría a Novedades Carminha— asisten resignados a que calquera colla o seu traballo e o reproduza despreocupadamente sen poñer un can a cambio. A satisfacción de emparellarse con outro humano non se sacia co simplísimo feito de prender un ordenador; pero a satisfacción de disfrutar coa cultura, si.
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou o pasado mércores unha xornada sobre A mediación cultural en internet para analizar o xeito en que as redes está afectando a estes profesionais da cultura e aos soportes físicos coma o papel, que semellaba vivir unha xuventude infinita tras milenios usándose hasta que chegou internet.
Pensando na situación dos mediadores e na do papel lembro os ollos nostálxicos que se lle poñían ao meu tío carlista cando contemplaba o seu mapa coloreado e tumefacto do Imperio Austrohúngaro. Nunca o gozou por culpa do espazo —viviu en Euskadi e Galicia— e do tempo —residiu no século XX—. Os mediadores reclaman o seu oficio cando o signo dos tempos é a súa desaparición. A cultura prescinde do experto que facía a selección e que establecía unha xerarquía en base a un criterio. O futuro da cultura é de feira dominical: do produtor ao consumidor.
Constantino Bértolo, o editor de Navia de Suarna que marcou algunhas liñas polas que se encarrilou a literatura española actual, vén de xubilarse. Bértolo sorrí nun bosquexo sarcástico cando observa que a xeralización da miseria provocada pola crise adiantou ata a vangarda a novela con transfondo sociopolítico que el defendía. Deixa Caballo de Troya, a canteira no protectorado de Penguin Random House en España, sen noticias sobre os anos vindeiros. Dáme mágoa que marche, pero alégrame porque proba a dificultade de substutuír con garantías a un editor de calidade.
O Consello da Cultura enxergou un novo tempo para a cultura na xornada do mércores, pero soa a un novo tempo para o Imperio Austrohúngaro. A mocidade actual, carente de infinitude, non ten o máis cativo interese polo consumo de papel ou de cds por moito que acepte mercar revistas de calidade coma Luzes ou buscar nalgunha das tendas de discos resistentes o vinilo de Stairway to Heaven dos Led Zeppelin. Transpiran o mesmo animus iocandi ca os Green Jackets da Coruña cando reconstrúen a Batalla de Elviña.
Os mozos non poden sentir nostalxia do que perciven como alleo e antiguo. A nova etapa da cultura para os soportes clásicos durara o mesmo que as xeracións que os amamos tardemos en ser enterrados coa nosa saudade tardoimperial.
Ás veces miro os volumes e discos da adolescencia, cando dedicaba a soldada breve que me daba o meu pai a comprar en librerías e tendas de vinilos. Non podo evitar que se me sobrepoñan no pensamento co mapa austrohúngaro do meu tío. Daquela, a mocidade era eterna.

O TERCEIRO ÁLBUM de todos os grupos é o da madureza, pero teremos que agardar polo cuarto de Novedades Carminha. A culpa de que sigan con esa visión de festa clandestina de COU é de careceren dun produtor que lles reconduza a arroutada compositora. Axudaría tamén o soporte físico. Marcaba nuns límites e unhas condicións para ser editados. Con internet, cada quen pode subir o que queira cando queira. Celtas sen filtro.
Constantino Bértolo redactou un informe contra Caballo de Troya ao deixalo. O trasfondo —silenciado e presente na mente do editor—, son as contas. Aconsella que o selo «deixe de editar en papel» e pase o catálogo a electrónico.
Neste contexto, non me resisisto a citar ao pensador Terry Eagleton en O acontemento da Literatura, cando afirmaba que «a literatura substituíu á relixión como refuxio de valores estables». Supoño que Eagleton entenderá agora provocador relacionar as palabras literatura e estabilidade.
Os asistentes á Semana Galega de Filosofía, que se apuntaron o mérito de comprometer a presenza do profesor da Universidade de Lancaster, poderán preguntarllo contra fins de abril en Pontevedra. A edición deste ano leva por título Filosofía e Revolución, dous termos innegablemente relacionables. Eagleton falará sobre Por que Marx tiña razón? Contestolle, aínda que non me lea: Marx tiña razón en 1867, pero a distribución da riqueza e os dereitos do proletariado mudaron. Grazas a O capital, en boa medida.
Convidaron tamén a Saraiva de Carvalho, redactor da Revolución dos Caraveis, cando se cumpren corenta anos. Marx e caraveis animarán, non o dubido, a señardade dunha xuventude infinita.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 416
Publicité