OS NENOS SON OS ÚNICOS RESPONSABLES DO FUTURO DO LIBRO
O Día do Libro diante do televisor para esperar pola milagre dunha idea fresca a prol dese soporte. Elena Poniatowska confirmoume na cerimonia do Cervantes que se poden escribir discursos rabiosos e emocionantes sen manifestar que os libros son as paisaxes máis queridas nin parvadas desa catadura intelectual. De quitada a escritora mexicana, todo foi tópico sumado alugar común para salvar a lectura. Xa na noite, o último refuxio para atopara atopar unha idea orixinal foron os medios públicos. En Foro aberto, Antón Losada fixo un selfie para contarnos as marabillas do seu libro e anunciarnos a precuela, dixo unha cousa interesante, pero, ao abrir o debate, baixou o seu nivel para situarse a rentes dos outros intervintes cando reflexionaban sobre edición. No programa brillou a pedra filosofal: a solución está en que lean os escolares. Unha revisión positivista de O Señor das Moscas. Descargamos nos rapaces o futuro do libro, un asunto no que adultos non debemos de ter responsabilidade. Presumindo que o 90 por cento dos cativos non excluirá a lectura do seu ocio ao cumprir quince anos, esa xeración chegará tarde para preservar o libro; cando menos, no seu formato en papel. Os tertulianos do espazo televisivo engadiron outras ideas cansinamente ata que pasaron a debater a demisión de María Biempica, que ten ben máis sustrato. Vencido pola ansiedade, corrín onda aparello de radio. Acendín cando columniaba Xosé Carlos Caneiro. O escritor lía unha lista de colegas impostando a voz: Cervantes, Shakespeare,... As enumeracións e o énfase son trucos para agochar a falta de argumentos. Ao final, achegou a iniciativa: «Reclamo, demando, pido 365 días para o libro». Guau! Pasou o Día do Libro, pasou o disimulo. Non precisamos de lembrar títulos por se nos fan unha enquisa. Quedan 364 días de ver Con el culo al aire e La que se avecina sen maior desvelo lector.